Boas familias, agardamos que todos e todas sigades ben de saúde e tamén de ánimo.
Como vos comentamos anteriormente realizamos as preguntas a través de abalar para achegarnos un pouco máis aos vosos fogares e tamén para adaptar un pouco o blog a vós e ás vosas situacións.
Trás ler as vosas respostas fomos realizando algún cambio; seguro que xa vos destes conta que estamos intentando reducir as actividades que precisan impresión ou copia dos exercicios, deste xeito pretendemos facilitar outro tipo de actividades igual de válidas para que aquelas familias que non contan con impresora teñan o traballo un pouco máis doado.
Ademais, como non nos cansamos de recordar, as tarefas son totalmente voluntarias. Facilitamos diariamente material de todas as áreas non para que se faga todo, senón para que os nenos e nenas poidan escoller aquelo que máis lle apetece facer ese día.
A vosa resposta está sendo estupenda, e énchenos de alegría ler cada día correos vosos, comentarios, ver manualidades que facedes... Todos xuntos facemos un gran equipo!
Con respecto a esto último, quixemos poñer un pouco máis fácil o feito de compartir as actividades que desexedes. Quizais a través de correo era menos práctico (implica saír do blog, adxuntar unha imaxe, enviar o correo... e logo esperar a que nós a publiquemos). A partir deste momento tedes dispoñible dentro do blog unha entrada chamada "Museo permanente dos nenos e nenas de 2º". Entrando nela podedes ir subindo todo aquelo que queirades compartir, aquelas cousiñas que ata o de agora enviábades por correo. O proceso é moi sinxelo, mais aínda así aquí vos deixamos un vídeo titorial:
Agardamos que estes pequenos cambios vos vaian facilitando un pouco o día a día. Para calquera cousa non dubidedes en contactar con nós.
Despedímonos xa, non sen antes novamente enviarvos moito ánimo para esta nova semana que imos comezar, que a collades con ganas e cun sorriso grande porque pese a todo seguro que traerá algunha cousa boa.
Unha aperta grande,
Vero, Andrea, Noe
Comentarios
Publicar un comentario